Archivo

¿Contáctamos?

Nombre

Correo electrónico

Mensaje

Created by Templates Zoo

Renacuajos infantil

O Día das Letras Galegas no 0 a 3

Moitos sabedes a miña opinión sobre a celebración de determinadas datas nas escolas de primeiro ciclo de Educación Infantil, xa a deixei caer polo Día da Paz e polo Entroido.

Unha desas datas que me chaman moito atención que se traballen con nenos de 0 a 6 anos, é as Letras galegas, que cada 17 de maio se conmemoran na Comunidade galega. A duración desta festividade nas escolas depende, pode ser un día puntual, dous días ou toda unha semana.

A dinámica desta celebración é que cada ano dedícase o día a un escritor ou escritora que destacase pola súa creación literaria en lingua galega ou pola súa defensa do galego. O único requisito que ten que cumplir o autor é que leve 10 anos morto. Evidentemente moitos -non todos- deste autores non teñen publicacións destinadas ao público infantil nin ás idades para as que traballamos. Aínda así decídese, nalgunhas escolas, conmemorar esta data e xorden propostas que son curiosas e me chaman moito a atención.

A celebración do Día das Letras do 2018 está dedicada a Mª Victoria Moreno

  • O CULTO Á FICHA: paréceme abraiante a gran cantidade de fichas que atopei, moitas delas son do tipo escribe o nome do autor debaixo da foto, foto do autor que teñen que pintar, procurar o nome do autor nunha sopa de letras,... Para colmo como agora está mal visto facer fichas, preséntanas en soportes como Hotpotatoes, JClick,... É dicir seguimos facendo o mesmo de sempre en diferentes soportes. As fichas van dirixidas  ao segundo ciclo de educación infantil pero é frecuente que no primeiro ciclo se lle dea unha imaxe do autor ou autora ou de Rosalia de Castro para pintar.
  • AS MANUALIDADES EN SERIE: os marcapaxinas, a elaboración de bandeiras galegas ou carteis que conviden a conmemorar esta data,... son desas cousas que serven para decorar as escolas ou para levar para a casa coa mensaxe "mirade apoiamos o galego e a nosa cultura" pero na realidade,e se nos paramos a mirar o cotiá da escola, non é tal que así.
  • OS ELEMENTOS DA NOSA CULTURA: escolas que aproveitan a ocasión para amosar os instrumentos musicais galegos, outras que levan unha pandereteira/gaiteiro/ou bailadores de baile galego, explicacións sobre os traxes galegos,... As veces na rede unha atopa cousas ben curiosas como  photocalls nas que están os traxes típicos galegos e os nenos amosan a cabeza e acto seguido sácaselles a foto de rigor.
  • CONTAMOS UN CONTO EN GALEGO: aproveitamos o día para contar un conto ou facer un teatro en galego. Mirade una cousa... e o resto do ano non o contades?
  • OS CONTOS DO AUTOR: normalmente sempre aparece un conto biográfico do autor no que conta os feitos máis salientábeis da súa vida. Así sabemos a que se dedicaban a nai e o pai do autor "porque iso é moi importante".
  • (...)

Eu non vou xulgar máis gustaríame que reflexionásemos.... 

CON NENOS TAN PEQUENOS QUE É O IDÓNEO?
Cómpre que aquelas persoas que nos consideramos comprometidas revisemos o que estamos a facer, para saber ben cara onde dirixir os nosos esforzos. De non facelo así, pode que dentro de poucos anos, o Día das Letras Galegas entre dentro do calendario de festexos no que están as festas medievais, as arribadas varias, as defensas de castelos ou fortalezas, invasións, etc. Todos disfrazados e ao rematar a esperar a vindeira ocasión para sacar o atrezzo.
Para ser galego ou galega hoxe, non fai falla vestirse de aldeán, nin de pailán, nin de Rosalía, nin de Castelao; ten que estar dentro da normalidade da vida cotiá de cada un de nós, da nosa maneira de vivir e de relacionarnos. Ser galego ou galega é estar vivo, non precisa de sacar un día as alfaias do mausoleo".                                                         (Fonte: https://innovarteinfantil.wordpress.com/2012/05/21/eu-vou-de-galego-e-ti/)

1. A LINGUA NO SEU DÍA A DÍA

Pensemos no día a día da escola...

Unha situación típica na que un educador pregúntalle a un neno "onde tes os ollos?". O neno non responde e quédase mirando para o educador. O educador vólvelle preguntar "¿los ojos?, ¿dónde tienes los ojos?".

É triste pensar que é un problema idiomático de falta de comprensión do neno cando ao mellor, simplemente, non lle apetece responder.

É fundamental aplicar o sentido común porque as veces danse situación como a seguinte:

Todas as mañás os nenos recitan e sinalan as partes da cara (é mais algún día fano varias veces ao longo do día). O educador vai dicindo: "los ojos" (sinalan os ollos), "en galego é os ollos" (sinalan os ollos). E as veces incorporase o inglés. O emprego de calquera lingua ten que ser en situacións pracenteiras que xordan no día a día ou en contextos significativos, non en contextos artificiosos e repetitivos.

Gustaríame saber o problema que temos  -moitos mestres- coa cor vermella, non é roxa, non é "roja" é vermella. Se o educador non coida a súa lingua, como pretendemos transmitirlle os nenos que hai que esforzarse por falar ben?

A miña mención especial vai para aqueles que consideran que falar unha lingua da prestixio social, é dicir o éxito determínao a lingua que fales. A que me refiro? A seguinte situación: unha nai dille a mestra "hoxe o neno pasou mala noite e sospeito que ten sono", a mestra responde: "pois xa o meto agora para durmir" e a nai dille o neno "¡Ala, que tengas un buen día J.! ¡Adiós, adiós!".

O idioma usado como unha ferramenta que da prestixio social, o neno que fale castelán que é a lingua maioritaria. O galego...

A lingua galega ponse en valor dándolle uso: presentando a documentación do centro en galego, falándoa, contando contos, cantando cancións en galego e das do noso patrimonio, proporcionándolles vocabulario en galego,...

Palabras fermosas do galego.
 As palabras máis fermosas do galego.

2. A CULTURA GALEGA NO SEU DÍA A DÍA

As editoriais ofrécenos pósteres e bits para empregar na aula. As veces ocorre que na unidade dos instrumentos atopamos un piano, un violín, un chelo, unha frauta traveseira, unha batería, unhas maracas,... Pero onde está a gaita?, a pandeireta?,...

Argallamos coreografías imposibles pero onde está o baile galego?
Buscamos audicións de música clásica, poñemos os Cantaxogos,... pero onde quedan as nosos cancións. No noso folclore temos cancións que nos permiten acadar os obxectivos e contidos do currículo (invítovos a que coñezades Orella Pendella).

Palabras para nomear a choiva
Temos ao redor de 100 palabras para nomear a choiva.

3. REALMENTE...

Este día é para que nós como profesionais da educación reflexionemos sobre o valor que ten no noso día a día a lingua galega. Por moito que se poña no papel "achegaráselles a cultura galega e fomentaremos o emprego da nosa lingua" por si só non se defende nin se achega. Como moitas outras cousas ocorre que as veces o que facemos non é o idóneo para nenos de curta idade.

Coidemos a lingua, falémolo con mimo con pracer, temos palabras moi fermosas, xoguemos coa lingua, amosémoslla aos nenos dende o respecto e non dende "es que la Xunta me obliga a hablarles gallego", gocemos coa música galega, cantemos cancións do noso patrimonio, indaguemos sobre o nome das cousas en galego,...  Deixádevos de actos que son aparencia e buscade oportunidades no cotiá para achegarlles a lingua. 

No hay comentarios

Publicar un comentario

¡No os olvidéis de dejar vuestra huella por aquí!